PARTE DO NOSO EQUIPO VISITA O CONCELLO DE ORDES NA PROCURA DE COLABORACIÓN
O pasado luns, seis alumnos de terceiro da ESO do IES Maruxa Mallo pertencentes ás diversas comisións que están a traballar no proxecto MarumaSat visitaron o Concello de Ordes para solicitar axuda tanto económica coma na difusión do proxecto.
Así, os seis alumnos reuníronse xunto co profesor de matemáticas, Xosé coa Concelleira Delegada de Educación, Servizos Sociais e Traballo do Concello, Susana García Gómez e o xornalista encargado das redes sociais e outros ámbitos comunicativos dentro da administración ordense.
Tras comunicarlle o noso proxecto aos dous, a concelleira e o xornalista mostráronse entusiasmados e receptivos coa iniciativa e ofrecéronnos a súa axuda principalmente na difusión deste proxecto, contactando con diversos medios de comunicación como a radio local Radio Ordes e posibilitando a nosa participación nalgún dos stands da vindeira Festa do Champiñón, que terá lugar a finais de Abril.
Ademais, grazas ao apoio do Concello, brevemente contaremos con moito máis material para poder publicitar e dar unha maior repercusión do proxecto impulsado dende o instituto así como tamén apoio económico.
Finalmente, cabe destacar a boa recepción que tivo a visita e o interese de concelleira e xornalista no proxecto, algo que queremos agradecer en gran medida.